A festa do 17 de maio, na nosa terra unha xornada especialmente festiva (posto que aparte das Letras e a cultura galega, celébrase Día da Internet e o Día das Telecomunicacións, todo nun mesmo lote a primeira vista axeitadamente apropiado), non semella que vaia coller á nosa comunidade bitacoreira coa garda baixa. Nesta liña de actividade e mobilización é onde se están a situar os integrantes da Rede de Blogueiras/os en Defensa do Galego (Blogues pola Lingua), constituída hai un ano e a día de hoxe integrada por 214 cadernos. Entre as accións do colectivo a desenvolver estes días coa festividade do 17 no punto de mira inclúese unha convocatoria virtual conxunta que ten por obxectivo chamar á participación na marcha por Compostela que A Mesa pola Normalización Lingüística organizou para este domingo.
Cómpre sinalar que colectivo Blogues pola Lingua, do que forman parte bitacoreiros como Kiko Da Silva (debuxante), Marta Dacosta, Xabier P. Docampo, Alfredo Ferreiro ou Manolo Bragado, adheriuse recentemente ao Manifesto pola convivencia lingüística e a igualdade de dereitos para o galego que promove A Mesa, en boa medida a través da Rede (tema do que temos falado nesta mesma web). Por certo que a convocatoria virtual está prevista para o 16 de maio, véspera do Día das Letras Galegas, e consistirá en que todas e todos os blogueiros membros do colectivo engadirán unha entrada nos seus respectivos cadernos na que incluirán alén do que cada un ou unha estima oportuno, un texto común no que se convida á comunidade internauta a defender e protexer a súa identidade (representada neste caso pola lingua) e máis a participar na mobilización do día 17.
Blogues pola Lingua organiza unha acción virtual colectiva para reforzar a festa do 17 en Compostela
Compartir Este Artigo

