As tendencias de futuro no desenvolvemento da banda larga, deixaron onte de ser un segredo para os asistentes ao relatorio que organizou en Vigo o Colexio Oficial de Enxeñeiros de Telecomunicacións de Galicia (COETG), en colaboración con INEO para conmemorar o Día Mundial das Telecomunicacións e da Sociedade da Información 2009, e que impartiu o director de Planificación estratéxica de Vodafone España, Enrique Gómez Alonso.
Nel, Gómez Alonso, asegurou que “o futuro da banda larga pasa pola súa mobilidade e polas novas ideas de negocio”, a principal conclusión á que chegou logo de comentar cáles eran, ao seu xuízo, as necesidades dos usuarios das telecomunicacións condicionados polos novos estilos de vida imperantes.
O executivo de Vodafone explicou que “un cliente tipo esixe ubicuidade, rapidez, dispoñibilidade e simplicidade para adaptarse aos novos ritmos laborais”; este perfil axudou a Gómez Alonso a explicar por qué a banda larga é, cada vez máis, “un asunto móbil”, e segundo apuntou, “en España a telefonía celular que ofrece alta velocidade na transmisión de datos está gañando adeptos a unha velocidade tres veces superior ao ritmo ao que se suman clientes á banda larga fixa, xa sexa ADSL ou cabo”.
Asemade, o relator afirmou que a previsión para os vindeiros sete anos é “que se multiplique por 30 o número de clientes deste tipo de banda larga, empregando unha estratexia de despregue escalonado en función da demanda existente”.
Os asistentes ao acto, no que tamén participaron o vicedecano do COETG, Miguel Merino Gil e máis o presidente de INEO, Jorge Cebreiros Arce, tamén puideron reflexionar sobre as ondas de crecemento de Internet, que segundo palabras de Gómez Alonso, “son causadas polas novas ideas de negocio e non polos avances tecnolóxicos”.
Estes avances fan posible achegar cada vez máis á realidade o Fogar Dixital, unha vivenda que, a través de equipos e sistemas e á integración tecnolóxica entre eles, ofrécelles aos seus habitantes funcións e servizos que facilitan a xestión e o mantemento do fogar; aumentan a seguridade, incrementan o confort, melloran as telecomunicacións; aforran enerxía, custos e tempo e ofrecen novos xeitos de entretemento e ocio.
O director de Planificación Estratéxica de Vodafone España concluíu a súa intervención afirmando que é preciso definir un equilibrio xusto entre os diferentes participantes necesarios para o desenvolvemento da banda ancha. Unha esixencia froito da interdependencia dos distintos hábitats, “que obriga a extremar as regras de xogo empregadas”.
O COETG e INEO desvelaron en Vigo as claves do futuro da banda larga
Compartir Este Artigo

