A lingua está hoxe no medio de moitas cousas, e algunhas delas sonlle beneficiosas e outras non teñen que ver con ela ou, definitivamente, lle son prexudiciais. Os responsables da web Galicia Profunda, comprometidos con saber, no caso de que a lingua estivese perdida no deserto, quen lle daría teito e auga e quen poría o cartel de pechado, veñen de convocar á comunidade blogueira galega por segunda vez para que sexa ela quen faga de xurado nos Premios Antilingua e máis no Galardón Galego de Pro. Dous certames que, como os seus nomes indican, van dirixidos a localizar quen fixo menos e quen fixo máis ao longo do ano pasado en materia de coidado pola nosa lingua. Pois ben, segundo veñen de informar os responsables do concurso duplo, e logo de tres semanas de votacións en liña, o actual presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijoo, foi quen se fixo finalmente co Premio Antilingua, indo a dar o Galego de Pro a Ana López Suevos, titular do xulgado do social nº2 de Santiago.
As razóns para o primeiro galardón resumíronse basicamente nunha: o anuncio por parte do Goberno autonómico da súa intención de derrogar o decreto que asegura unha boa presenza do galego nas aulas.
Polo que respecta ao outro recoñecemento, dicir que veu dado pola “defensa do dereito a empregar galego mantida por Ana López-Suevos nas súas actuacións xudiciais”, entre as que se conta o seu tirapuxa lingúístico coa cadea COPE, logo que a canle de radio quixese anular a tramitación de despido a unha traballadora por estar redactada en galego.
Por certo que detrás da xuíza, e tocando de cheo á temática deste noso medio (as novas tecnoloxías da información, TICs) situáronse nesta mesma categoría a empresa de telecomunicacións R, pola súa achega á normalización da lingua dentro do sector das TIC, e ao galeguista Avelino Pousa Antelo.
Segundo informa Galicia Profunda, este ano rexistrouse unha participación elevada no certame, sobre todo no que se refire á categoría Galego de Pro, “que acadou un grande apoio na súa estre nestes premios 2009”. Concretamente, a participación foi de máis de 600 votos.
A xuíza Ana López-Suevos, premiada polo blogomillo pola súa defensa do galego
Compartir Este Artigo

