Caixanova vén de levar a cabo unha serie de melloras sobre o seu servizo de facturación electrónica, sobre todo co obxectivo de achegar máis rapidez no proceso de entrega e recepción destes documentos para o seu cobro ou pago a través de Internet, “co conseguinte aforro de custes”, sinalan fontes da entidade galega. Para Caixanova, que fai fincapé nas moitas vantaxes que ten este pulo á axilización do servizo de cara ao día a día das empresas, unha das finalidades concretas desta medida era subministrar a posibilidade de asinar electronicamente nas facturas sen que fose preciso dispoñer de certificado dixital. Asemade, tamén se achega o emprego do formato de e-factura recomendado pola Axencia Tributaria.
Estas medidas no camiño dunha banca electrónica máis completa e útil, informa Caixanova, foron levadas a cabo grazas ao acordo acadado coa multinacional de software empresarial Sage España como membro da plataforma de facturación electrónica efacturaCajas que promove a Confederación Española de Caixas de Aforro (CECA). “Este protocolo de colaboración”, sinala a entidade galega, “fixo posible a interconexión do servizo de efactura de Caixanova cos sistemas de facturación que Sage ten implantados en 66.000 pequenas e medianas empresas e 8.000 despachos profesionais”.
Esta integración, ademais de garantir a interoperatividade entre as empresas, posibilita a sinatura do documento electrónico a través da plataforma efacturaCajas, “sen que sexa preciso que o cliente teña certificado dixital”, sinala Caixanova.
Caixanova axiliza os trámites de sinatura e envío de facturas a través da Rede
Compartir Este Artigo

