A Internet, coma un foro de debate e comentarios pero ao grande, segue a facer das súas en cuestión de mobilizacións contra todo tipo de medidas políticas ou sociais. Entre as campañas de acción colectiva que máis ruído están a facer estes días na Rede atópase a que artella Greenpeace contra as axudas que os Gobernos español e galego preparan para os cidadáns que merquen un coche. Estas iniciativas, que podemos ver criticadas de arriba a abaixo no espazo específico de Greenpeace para a participación colectiva, teñen unha característica que as diferenza de outras moitas de meirande consenso: sitúan un muro de desentendemento entre os que se benefician delas (quen fai, vende ou merca automóbiles) e os que non se benefician (o resto da sociedade, que terá que aturar máis coches nas vías, máis fumes e contribuirá, con gasto público, a que medre o parque de cochazos subvencionados).
En definitiva, a acción en liña de Greenpeace consiste en animar á comunidade internauta a escribirlles ao ministro de Industria e máis ao presidente da Xunta para pedir que non gasten cartos públicos en mercar máis coches.
A mobilización ten un nome deses que fala sen axuda: Non pagues polo coche do veciño.
Segundo conta Vieiros, a idea da campaña é solicitar que toda axuda ou medida de apio se faga en referencia a vehículos que emitan menos de 110gCO2/km e co obxectivo de contribuír a que a industria se adiante ás regulacións da Directiva Europea no eido da eficacia no emprego de combustibles dos turismos. Para a asociación ecoloxista que vén de pór en marcha a iniciativa as axudas ás vendas de vehículo non son rendibles dende o punto de vista económico, son a metade de eficaces á hora de crear postos de traballo que os investimentos en transporte público e manteñen a dependencia do coche e das súas emisións.
Greenpeace lanza na web unha campaña contra as axudas para a compra de coches
Compartir Este Artigo

