A Internet, paseniño e se o tempo lle deixa, vai collendo ritmo de verán e adaptándose aos novos horarios dos usuarios. Así se reflicte nas novidades para o mes de xuño da Rede de Dinamización da Sociedade da Información, onde se está a afrontar a realidade do dixital nas tardes de verán, en segundo plano por mor do tempo libre e a praia, cun novo horario (de 8 a 15 horas ata o 30 de setembro) e un programa de actividades feito á medida. Por certo que destas semella haber un pouco de todo, pero se cadra facendo fincapé en cuestións básicas de manexo da Rede e dos equipamentos fundamentais dun computador. Nesta liña sitúanse por exemplo as que achega o centro de Riotorto, que no mes de xuño acollerá un obradoiro de iniciación á Rede, do 2 ao 11, de 12 a 13.30 horas.
Outro curso, de procesador de textos, terá lugar do 15 ao 26, e un obradoiro de uso do rato e do teclado ofrecerase os días 29 e 30 de xuño de 10 a 12 horas. Asemade, o centro dará acubillo a unha charla sobre o bo uso de internet. Será o día 1 ás 9 da mañá, e estará dirixido aos máis cativos. A inscrición poderase efectuar ata o día inmediatamente anterior ao comezo de cada actividade.
En Vilagarcía de Arousa, o mes de xuño iníciase cun obradoiro de iniciación a Internet, que terá lugar do 2 ao 5 de xuño. Os días 8 e 9 presentarase a actividade Googlear, procura de información na Internet. Do día 10 ao 12 presentarase como crear unha conta de correo electrónico con Gmail.
Do 22 ao 26, no Centro de Dinamización de Vilagarcía haberá un obradoiro de procesador de textos Writer, mentres que do 29 de xuño ao 5 de xullo amosarase como instalar, configurar e coñecer o sistema operativo Galinux e presentaranse outros semellantes, como Trisquel.
No concello de Porto do Son haberá unha charla e cinco obradoiros: Procesador de textos (do 1 ao 12 de xuño en Porto do Son e en Portosín), mecanografía (do 15 ao 26 de xuño en Portosín e do 19 ao 30 en Porto do Son), e manexo da cámara dixital (do 15 ao 18 de xuño en Porto do Son). A charla sobre Galinux terá lugar o 29 de xuño no centro da capital municipal.
A Rede Dinamización abre horario de verán e presenta actividades para xuño
Compartir Este Artigo

