Se a Rede serve para que un director da talla de Akira Kurosawa (Os sete samurais, Ran, Dersu Uzala, O inferno do odio) se coñeza máis e mellor, benvida sexa. Segundo conta Efe Tokío, esta vertente dunha parte (non toda) da comunidade internauta como valedora da cultura que non se atopa nas tendas de souvenirs vén de dar un novo froito a prol deste novo xeito de lembrar que é a dixitalización. Concretamente, foron sometidos a este proceso un total de 20.000 documentos do director de cine xaponés, información de todo tipo e de primeira man (libretos, anotamentos, imaxes de rodaxes) que xa está dispoñible de balde para todos os seus seareiros na web Kurosawa Digital Archive.
A achega, na que tamén se ofrecen bosquexos e cadernos de ilustracións co xermolo dalgúns dos seus filmes máis coñecidos, inclúe pezas nunca antes vistas polo público en xeral, nas que se inclúen debuxos e fotografías da súa nenez.
A web, que polo de agora está en xaponés (agárdase que en breve se poña en marcha a súa tradución ao inglés e a outras linguas), inclúe documentos pertencentes á familia do director, concretamente ao seu fillo Hisao Kurosawa, quen para este traballo de adaptación ás novas ferramentas da información contou coa axuda da Universidade de Ryokoku da cidade de Kioto. Segundo conta ao respecto desta iniciativa Hisao Kurosawa, o material reunido, do que aínda fica unha boa escolma sen dixitalizar, servirá para axudar á xente a comprender o proceso creativo do mítico director xaponés.
Os seareiros de Akira Kurosawa poden consultar na Rede 20.000 documentos do director
Compartir Este Artigo

