A Asociación de Empresarias da Coruña (AECO) e máis a Rede de Dinamización da Sociedade da Información veñen de presentar a súa achega conxunta de actividades de divulgación para o mes de xuño que está a piques de comezar. Trátase principalmente de obradoiros encamiñados a introducir ás persoas inscritas nas vantaxes e beneficios básicos do uso da Rede: Iniciación á informática (entre o 1 e o 12 de xuño e de 11 a 12 horas), Coñecemento e uso do lapis USB (do 4 ao 25 de xuño en horario de 10.30 a 12 horas), Iniciación á Internet (entre o 8 e o 19 de xuño, de 9 a 10 horas) e Mecanografía (do 15 ao 10 e de 11 a 12 horas). Estas actividades, que desenvolverán no centro que a Rede de Dinamización mantén en AECO, complementaranse coa charla Ten presenza en Internet, para os días 25 e 26 de xuño, un encontro divulgativo dirixido sobre todo ás pequenas e medianas empresas, autónomos e comerciantes.
O obxectivo da Asociación de Empresarias da Coruña e a Rede de Dinamización é facer uso da charla para tratar cuestións básicas como o significado e finalidade de Internet, os servizos que ofrece e as vantaxes que supoñen para os negocios estar presentes na Rede. O segundo día da actividade aquelas persoas interesadas acudirán ao Centro de Dinamización para introducir os datos dos seus negocios e/ou empresas en diferentes páxinas de interese. A actividade desenvolverase na aula de formación da Asociación de Empresarias de A Coruña entre as 9 e as 10 horas.
Ademais, estase a organizar no centro a iniciativa Memoria dos Oficios, que consiste en convidar a cada participante a crear unha videomontaxe empregando imaxes e/ou fotos antigas ou recentes, incorporando a súa propia voz, sons e/ou músicas para narrar unha historia. A temática destas videomontaxes xirará arredor da recuperación de oficios tradicionais co obxectivo de dixitalizar todo o coñecemento posible sobre estes oficios a través das lembranzas e/ou vivencias dos/das seus/súas protagonistas.
Aquelas persoas interesadas en participar nas actividades, en acudir á aula aberta ou en ter máis información acerca deste Centro de Dinamización poden poñerse en contacto coa dinamizadora a través do teléfono da asociación, 981.297.870, ou a través do correo electrónico barbara.acoruna@dinamiza.sociedadedainformacion.eu.
AECO acollerá no mes de xuño actividades de iniciación á Rede para a cidadanía e as empresas
Compartir Este Artigo

