O presidente do CPEIG (á esquerda) e máis o Valedor do PoboO Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia e o Valedor do Pobo veñen de sentar o alicerce de iniciativas conxuntas a prol dunha Rede máis segura, máis concretamente dunhas novas canles tecnolóxicas da información nas que se respecten na medida do posible a privacidade e os datos persoais de cada quen. Así o fixeron saber esta mañá os máximos representantes de ámbalas dúas entidades galegas trala reunión mantida en Compostela, reunión inserida no programa de divulgación das funcións do Colexio e na que participaron o propio Valedor, Benigno López, e o presidente e o secretario do CPEIG, Fernando Suárez e Juan Antonio Valiño. Segundo informa esta corporación, a xuntanza serviu para algo máis que para presentar as mutuas competencias sobre asesoramento e control en materia de Sociedade da Información: serviu para debater polo miúdo sobre cuestións como a protección de datos e as posibles colaboracións de tipo conxunto que se poden realizar no futuro ao respecto. Neste senso, o Valedor do Pobo puntualizou que a cifra de queixas que recibe sobre este aspecto aínda non é alta, pero que se ten percibido unha tendencia ao medre. A xuntanza desta maña, informa o Colexio, inscríbese nunha nova liña de traballo do CPEIG a prol dos bos usos de Internet entre os menores de idade, cuestión que o Valedor tamén coñece abondo, tal e como se reflicte nas campañas postas en marcha dende esta institución co obxectivo de advertir entre cativos e adolescentes dos posibles perigos de Internet. E nesta mesma liña de advertencia se inseriu, precisamente, a mesa redonda organizada hai un mes polo CPEIG e o Concello de Santiago baixo o epígrafe Redes sociais… A cara oculta dos amigos dos meus fillos. Neste senso, e coa idea de tirar proveito da experiencia de cada unha das partes, o CPEIG ofreceulle a Benigno López a súa colaboración no deseño e posta en marcha de campañas de navegación segura e prevé agora solicitarlle un novo encontro ao Vicevaledor do Menor e Novas Tecnoloxías, José Julio Fernández, co obxectivo de concretar iniciativas a desenvolve en común.