Cumprindo coa Lei de Medidas de Impulso da Sociedade da Información aprobada polas Cortes, o Ministerio de Industria, Turismo e Comercio, vén de anunciar a apertura dunha consulta pública para elaborar un plan de xeneralización do uso da factura electrónica a partir das opinións dos actores interesados no desenvolvemento da mesma.
A consulta, á que se pode acceder dende a web da devandita entidade pública, solicitará a opinión dos provedores e usuarios de solucións de factura electrónica así como dos técnicos do sector da Sociedade da Información e as Telecomunicacións.
En concreto esta consulta en liña, que estará aberta ata o vindeiro 30 de xuño, diríxese ás asociacións das entidades provedoras de solucións técnicas de facturación electrónica, ás asociacións de usuarios destas solucións e aos colexios profesionais que agrupen a técnicos do sector da Sociedade da Información e as Telecomunicacións. Asemade, remitiráselle aos membros do Consello Asesor das Telecomunicacións e da Sociedade da Información (CATSI).
O impulso deste tipo de facturación electrónica xa fora unha das prioridades do Plan Avanza e tamén forma parte das actuacións do máis recente Plan Avanza2.
Este plan daralle pulo ao desenvolvemento do comercio electrónico entre empresarios, profesionais e demais axentes do mercado, en particular, entre as pequenas e medianas empresas e as microempresas. Asemade, o plan terá en conta, entre outros aspectos, os criterios de accesibilidade e a promoción da interoperabilidade das distintas solucións de facturación electrónica, así como a inclusión de esquemas específicos de axudas económicas para a implantación da factura en liña.
Este tipo de facturación, tal e como aseguran os profesionais do sector, aporta numerosas vantaxes, entre as que destacan o aforro de custes, a mellora da eficiencia, a obtención de información en tempo real, a reducción de tempos de xestión, a axilidade na toma de decisións e a autorización da administración e a contabilidade.
Para dar conta das múltiples vantaxes e funcionalidades desta feramenta, os Ministerios de Economía e Facenda e de Industria, Turismo e Comercio, veñen de por en marcha o portal Facturae.es, onde se proporciona información, aplicacións, normativa e guías sobre factura electrónica de xeito doado e rápido a golpe de rato.
Industria abre unha consulta pública para elaborar un plan de xeneralización de uso da factura electrónica
Compartir Este Artigo

