Se a alguén lle quedaba algunha esperanza de que as entidades de xestión dos dereitos de autor máis hiperactivas ían establecer canles de achegamento aos puntos de vista da gran maioría dos usuarios da Rede, mellor que a vaia aprazando para máis adiante, Ou mellor aínda: que a conxele, coma se dun proxecto a moi longo prazo se tratase. A cousa semella complicada, e para comprobalo non é preciso visitar a web do colectivo que arestora máis esforzos emprega en sacarlle á SGAE os trapos sucios, a Asociación de Internautas. Segundo conta o avogado David Bravo en Twitter facendo referencia aos feitos que lle veñen de acontecer a un cliente de seu, a SGAE estaría dando o paso definitivo para rexistrar domicilios sen orde policial. O caso, corroborado polo propio afectado no seu blog, tivo o xermolo na posta en marcha, por parte do devandito cliente, dunha serie de webs encamiñadas a dar acubillo ao libre intercambio de ficheiros na Rede, ou sexa, cancións, películas e xogos fluíndo dun ordenador a outro: o pesadelo da gran maioría das grandes sociedades de protección dos dereitos pechados de autor.
Pois ben, xa que todo pequeno acto semella ter consecuencia, o lanzamento de espazos como EliteTorrent.net ou ETMusica.com desembocou nunha petada de cotelos na porta do responsable das ditas webs, sendo estes cotelos propiedade de cinco persoas que viñan do xulgado para “revisar o contido dos computadores e requisar os discos duros”. A persoa afectada, segundo conta no seu caderno, non tivo apenas tempo nin de chamar ao seu avogado antes de que comezase o rexistro. Entre os individuos que integraban a visita en cuestión, di o blogueiro, achábase un perito informático que logo, sinala, recoñeceu traballar para a SGAE. Esta persoa, ao parecer, tería inspeccionado todos os computadores da casa e logo de dúas horas de busca, esixiu xunto co seu equipo que se lle entregasen os discos duros para levalos ao xulgado. A situación, finalmente, non rematou como pretendían os integrantes da visita: o blogueiro relata que puído contactar co seu avogado e logo de que este o puxera ao tanto dos seus dereitos, conseguiu botar fóra do seu domicilio ás ditas persoas.
Máis información sobre o caso en Internautas.org, onde, por certo, o presidente desta asociación, Víctor Domingo, achega antecedentes directos do caso.
Acusan á SGAE de rexistrar fogares sen orde xudicial
Compartir Este Artigo

