Calquera anunciante que teña un mínimo de visión de futuro e ganas de darse a coñecer da mellor maneira posible entre o seu público obxectivo saberá que en Internet a visibilidade da súa páxina web é fundamental, e que a repercusión das súas campañas publicitarias dependerá, en boa medida, das visitas que reciba ao portal e do tempo que os internautas pasen navegando polo mesmo.
É por isto que a consultora Traffic4U, especializada en marketing de buscadores, vén de elaborar, en colaboración coa Universidade de Salamanca, o I Informe sobre a calidade das empresas en Internet, un estudo realizado entre as 100 empresas españolas que maior investimento publicitario realizan.
Para elaborar o informe, a entidade levou a cabo unha análise SEO, que avaliaba a calidade das webs de cada compañía tendo en conta ata 21 criterios distintos que determinan o posicionamento de cada páxina reflexado no posicionamento en Internet e na facilidade dos usuarios para atopar a empresa na Web.
Algúns dos criterios empregados por Traffic4U para realizar este estudo foron, entre outros, o uso de frames, a indexación en Google e Yahoo!, formularios, mapas web, etiquetas H1 e H2, metatags e palabras clave, URLs descriptivas, PageRank, peso da páxina, ligazóns de texto, arquivos ou densidade de palabras clave.
A principal conclusión do informe é que “a calidade xeral das páxinas en termos de análise SEO é aceptable”, xa que o 75 por cento das webs analizadas acada un resultado superior ao 50 por cento do indicador da consultora.
Neste senso, a web que logra mellor resultado global é Telefonica.es, que cun índice do 88,3 por cento, sitúase á cabeza da listaxe por diante da web do Ministerio de Sanidade e Consumo, da da Dirección Xeral de Tráfico e da da Comunidade de Madrid, as webs que seguen a Telefónica en calidade de servizo en liña.
A operadora nacional de telefonía investiu en Internet máis de 5 millóns de euros en 2007 (o cuarto maior investimento en España) e o resultado foi unha web que os seus usuarios prefiren pola súa “doada navegabilidade e pola calidade dos seus contidos”.
Por outra banda, os sitios peor valorados no estudo foron os do sector da alimentación e da bebida, así como os das empresas de beleza e estética, firmas que, paradoxicamente, gastan millóns de euros en ofrecer campañas de publicidade para mellorar a súa imaxe comercial.
A web de Telefónica, a mellor valorada do noso país
Compartir Este Artigo

