Á axencia galega de publicidade BAP&Conde semella que non lle abonda con tirar proveito das novas canles de comunicación para poñerlles altofalantes ás súas campañas: agora do que se trata é de apostar por elas mesmo antes de que se lancen. Segundo se pode concluír dun comunicado emitido pola propia empresa, só haberá unha escusa (esquezamos os atascos: non será preciso desprazarse, o que é de agradecer) para non poder participar na presentación da iniciativa Máis pés, máis cabeza, este venres día 5 a partir das 12.00 horas: non ter acceso á Internet ao alcance da man. En caso de ter Rede, e cun mínimo de capacidade, levarase a cabo un encontro dixital que é ao eido das presentacións de prensa o que a teleformación é ao ámbito formativo. O miolo do asunto: a posta en longo da dita campaña a través da web.
A axencia, amais, ten o gran obxectivo de achegarlle ao acto todas as características dunha xuntanza cos medios, pero a distancia e sen problemas de aparcamento: haberá unha rolda cos xornalistas a cargo do presidente da firma galega, Miguel Conde, e logo un espazo para preguntas a través dun chat en directo especificamente habilitado para o evento.
BAP Conde aposta pola rolda de prensa en liña para presentar a súa nova campaña
Compartir Este Artigo

