No pasado mes de maio, a produtora galega Dygra Films viaxou a Francia para presentar en primicia, no Festival de Cannes, o tráiler da súa última creación: Noche de ¿Paz?, a primeira película de animación que a produtora con sede na Coruña realizaba en Dixital 3D estereoscópico.
Dygra Films, que xa no pasado ano anunciou a súa intención de dar un paso adiante en innovación e desenvolvemento, sorprendeu aos asistentes co tráiler dunha película de animación 3D para a súa proxección en cine dixital 3D estereoscópico, sumándose así á iniciativa de recoñecidos estudios como Dreamworks, Disney, Sony, Warner ou Fox, que xa apostaron forte polo cine dixital en tres dimensións hai tempo.
Agora, a próxima parada desta produtora con gran recoñecemento internacional vai ser o certame Madrid de Cine, que terá lugar entre os días 7 e 9 de xuño, e no que Dygra mostrará un avance do que será a súa primeira película realizada con tecnoloxía dixital estereoscópica.
O screening, que contará co patrocinio de Technicolor, levarase a cabo o vindeiro luns, día 8, ás 19:30 horas, na sala 12 do Kinépolis, un recinto equipado coa tecnoloxía necesaria para o visionado en 3D.
Ao evento están convidados todos os asistentes acreditados en Madrid de Cine, que a organización calcula en 132 compradores, 200 axentes de vendas e produtores, e en máis de trinta xornalistas internacionais especializados en cine.
O principal obxectivo da iniciativa é, segundo veñen de anunciar os responsables da empresa galega, “potenciar o posicionamento de Noche de ¿Paz? no mercado”, así como acadar un “acordo vantaxoso” para a súa distribución conxunta en distintos países (de forma simultánea) no vindeiro Nadal.
Dygra, que a fin de buscar o mellor acordo para a distribución da súa película, mantense en conversacións con distintos grupos tanto nacionais como internacionais, asegura “posicionarse como unha das grandes producións de animación a nivel internacional” e apunta o final de 2009 como data de finalización de Noche de ¿Paz?.
Madrid de Cine dará acollida a un filme de animación en Dixital 3D estereoscópico de Dygra
Compartir Este Artigo

