Nun mundo ideal, todas as empresas que xurdiran ao abeiro da Rede, feitas para a Rede, terían máis que asegurada a súa supervivencia a curto, medio e longo prazo. Todo o mundo sería cliente potencial e real, e a competencia acabaría funcionando como un teléfono de axuda gratuíto e eficaz. Con todo, a posibilidade de vivir nun mundo desta índole, se é que algunha vez a houbo, hai tempo que se nos escapou. Conclusión: o éxito segue ao alcance duns poucos. Co obxectivo de facer todo o posible para ampliar esta marxe, vén de xurdir dende Madrid a Asociación de Investidores e Emprendedores en Internet (AIEI), un colectivo que, como o seu propio nome indica, diríxese a acurtar distancias na Rede entre os que teñen os cartos para investir e os que teñen as ideas para atraer eses cartos. O lema de Ángel María Herrera, de Bubok (na imaxe, explicando o cometido da AIEI), xa fala por si só: “Unha boa idea en Internet non abonda”.
Segundo se nos conta en Silicon News, outro dos grandes obxectivos da plataforma é achegar consellos para a posta en marcha dunha iniciativa de tipo empresarial na Rede, sendo a primeira destas recomendacións unha á que non lle falta a súa lóxica: atender ás experiencias doutros empresarios de éxito xa consumado na Internet e mesmo seguirlles o ronsel como se a súa vida en liña fose un manual no que inspirarse.
Por certo que entre as empresas que veñen de lanzar a Asociación atopamos casos deste tipo: empresarios cunha certa traxectoria e que puideron ter contacto directo cos distintos cambios de rumbo que foi dando a cousa dixital (ultimamente moi dirixida a fomentar a entrada en xogo total dos internautas). Outro dos consellos achegados é o seguinte: facer fincapé na solvencia e rendibilidade do plan que se ten entre mans, porque iso precisamente é o que procuran os investidores. Para a Asociación, en contra do que se pensa, a crise non é un muro entre os cartos e os emprendedores, senón máis ben un novo xeito de comunicación e mesmo unha oportunidade. De feito, din, as compañías que xurdan arestora terán máis posibilidades de seren máis fortes, sendo como é o escenario no que nace un escenario convulso, polo que precisan alicerces máis firmes.
Empresarios de éxito na Rede unen forzas dende Madrid para botar unha man en novas iniciativas
Compartir Este Artigo

