Se a pasada semana, un informe emitido por Caixanova (do que demos conta en Código Cero) advertíanos da “escasa internacionalización das empresas galegas”, esta semana, o Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) non se fixo agardar e vén de lanzar un novo portal web, que ten como finalidade apoiar a internacionalización das empresas galegas, das asociacións de empresarios galegos e das asociacións de empresarios e empresarias galegas no exterior.
O obxectivo desta ferramenta é, en resumidas contas, poñer ao alcance de todas as persoas rexistradas, de maneira gratuíta, a información máis actual sobre a operativa e práctica do comercio exterior, os servizos personalizados e os datos de interese nos ámbitos da internacionalización en xeral e, especialmente, da importación e da exportación.
As persoas usuarias de Exportgalicia.com poden atopar nesta aplicación 5 grandes seccións con ampla información relativa a perfís de países obxectivo, información sectorial, busca de posibles socios comerciais e alfándegas e trámites relacionados co comercio internacional.
Deste xeito, os empresarios e organismos intermedios que visiten a web poderán obter, entre outras cousas, información sobre aqueles países do seu interese, estudos de mercado, oportunidades de negocio, fluxos de importación-exportación ou documentos necesarios para iniciarse na exportación, así como realizar cálculos aproximados sobre os custes de exportación dos seus produtos atendendo ás regras e usos internacionais (INCOTERMS) que regulan a circulación de mercaderías, e ao medio de transporte seleccionado.
Este portal inclúe, asemade, información actualizada sobre accións abertas a facilitar a presenza do empresariado galego en feiras e eventos nacionais e internacionais organizados directamente polo Igape ou por organismos de promoción exterior cos que o Instituto colabora activamente -como por exemplo o ICEX-, coa intención de achegar sempre os servizos e os apoios máis efectivos.
Por outra banda, este novo portal expón de xeito detallado, estruturado e accesible a información máis completa sobre todos os servizos, instrumentos e axudas que o IGAPE pon a disposición do tecido empresarial galego nos procesos de internacionalización; desde os apoios en destino (como os facilitados mediante os centros de promoción de negocios (CPN) do instituto no exterior ou a través dos axentes comerciais mediadores), ata axudas a iniciativas de internacionalización, pasando por información e formación especializada para todo o proceso, ou servizos especializados como os de interpretación telefónica simultánea.
O IGAPE lanza unha web para a internacionalización das empresas galegas
Compartir Este Artigo

