O Centro Galego de Música Popular (aCentral Folque) vén de presentar en público a súa nova sede de operacións na Web. O novo espazo, dado a coñecer no Pazo de Raxoi en Compostela, ten moito de casa reconstruída na procura dun escenario máis útil, máis informativo e máis aberto. Dito doutro maneira: a nova páxina de Folque ten máis xente dentro, máis xanelas e portas e máis estancias para o desenvolvemento de obradoiros. A web foi presentada en todos os seus detalles por Mauro Sanín (Folque), Denis Mariño (da firma Acordar, responsable dos traballos) Socorro García, concelleira de Cultura e Centros Socioculturais de Santiago. Tras de si, o Centro deixa tres versións diferentes do mesmo espazo en liña adaptadas ás circunstancias e demandas de cada intre, o que nos dá como resultado un proxecto musical, xurdido en Lalín en 2002, especialmente activo e atento aos xiros de rumbo da Rede mesma. No alicerce desta cuarta versión que se presentou hoxe latexa un interese por ofrecer máis e mellor información sobre a actualidade da música galega en xeral e sobre as actividades do Centro de maneira máis específica.
A web, que segundo os seus responsables achega agora unha imaxe acorde coa impronta actual da Central, ofrece todos os datos posibles sobre o Centro Galego de Música Popular: dende o apartado aCentral, os usuarios poden afondar no espírito da iniciativa mesma, coñecer o seu equipo de produción e contactar co mesmo. Asemade, baixo o epígrafe Ensino, ofrécese toda a información relativa aos centros de estudos xestionados polo colectivo: planos de estudos, equipos docentes e información para a matrícula de aCentral Folque Compostela e da Aula Folque Infantil de Pontevedra. No que respecta aos seus aspectos máis técnicos, sinalar que a nova versión do espazo en liña emprega código aberto por php, o que lle achega a calquera programador a opción de coñecer os miolos da páxina mesma e desenvolver e enriquecer o proxecto no futuro.
aCentral Folque remodela o seu escenario en liña
Compartir Este Artigo

