O diccionario galego en liña e-Estraviz vén de ser obxecto dunha serie de melloras encamiñadas tanto a reforzar a forma (cunha interface gráfica máis acorde cos novos tempos, de meirande pegada visual) coma o contido (medres importantes na base de datos). Segundo informan os propios responsables da ferramenta (un equipo de arredor de 15 persoas), os traballos de actualización xa recibiron o visto bo do profesor Isaac Alonso Estraviz, director dunha iniciativa que, malia os cambios, segue a respectar o coñecido modelo de recurso lexicográfico aberto para todos as/os usuarias/os (é de libre acceso) e para todas as preferencias normativas. O novo e-Estraviz constitúe polo tanto unha reordenación dos servizos principais que pon a disposición da comunidade en liña: definições, fraseologia, sinónimos, antónimos, variantes, nomes científicos e máis etimologia.
No que respecta ao fondo mesmo da ferramenta, o miolo, cómpre salientar un medre no seu banco de datos, con arredor de 30.000 novas entradas, o que dá como resultado un total de 121.505, cifra que lonxe de estabilizarse, promete seguir incrementándose en parte grazas ao traballo lexicográfico dirixido polo mestre Estraviz e en parte grazas á porta que o diccionario deixa aberta as 24 horas do día para a participación allea.
Amais do devandito, tamén é preciso destacar as novas ferramentas postas a disposición dos internautas, como por exemplo os botóns de navegadores, o plug-in OpenSearch ou a caixa de pesquisa dinámica compatible con case calquera web.
O labor de remodelación chegou tamén ao motor do propio servizo, incorporándose un meirande alcance lexicográfico das procuras con todo tipo de achegas complementarias: suxestións automáticas, recoñecemento de plurais e femininos e posibilidade de facer buscas con ortografía ILG-RAG, alén do padrón portugués e mesmo xa de algunha das novidades do Acordo Ortográfico.
O diccionario en liña e-Estraviz incorpora melloras gráficas e arredor de 30.000 novas entradas
Compartir Este Artigo

