
O tema dá para un bo rato, e buscarlle o miolo foi o gran obxectivo de Borja Prieto, director de contidos en España de MySpace, quen estivo esta semana na ESEI da Universidade de Vigo para amosar as vantaxes do servizo como ferramenta axeitada para a comunicación e a autopromoción. A cita foi no Edificio Politécnico de Ourense, e contou coa presenza de Enrique Barreiro, director da ESEI.
En boa medida, o encontro coas alumnas e alumnos xirou arredor da cuestión musical e de como agora que todo o coñecido falla (o negocio discográfico de toda a vida cunha boa parte dos selos non querendo ou non podendo adaptarse ás novas demandas dos que xa non queren pagar 20 euros por un CD), probablemente sexa o intre máis idóneo de botar man de MySpace, Facebook ou Tuenti, as redes sociais de máis repercusión en España. Con todo, e como era do máis normal, Prieto non tirou pedras contra o seu tellado e louvou a traxectoria de MySpace como nicho da promoción musical: dende os comezos ata o día de hoxe. Sen ir máis lonxe, esta rede social 2.0 ben podería definirse (sinalou) como un espazo para o lecer social, un escaparate e un crisol de culturas.
Por certo que no acto tamén participou o propio promotor do mesmo e de outros que van seguir en breve nunha liña semellante, Abel Estévez, da Asociación Cultural Taller de Música, para quen MySpace non só representa unha canle accesible de marketing, senón que tamén desprega ao 100% a idea da autoxestión. Ao seu xuízo, unha rede social como esta da que estamos a falar non amosa atrancos de escenas nin de contidos nin de estilos, sendo a única limitación existente a que dispoña cada un sobre si mesmo e o seu recanto en MySpace.
Como exemplo de éxito a través de MySpace déronse a coñecer algúns nomes de grupos que empregaron o servizo como palestra e, o que case é máis importante, seguen a empregalo como canle de comunicación cos seus seareiros: Porta, Vetusta Moral ou Russian Red. “É incrible pensar que calquera pode colgar unha canción e que esta poida ser escoitada por miles de persoas”, comentou Prieto, ao que engadiu que “o poder está na xente e a onde chegues depende de como saibas empregar as ferramentas das que dispós e, por suposto, ter algo de talento”.
MySpace amosa no Campus de Ourense as súas posibilidades para a promoción musical
Compartir Este Artigo

