O Colexio Profesional de Enxeñería en Informática de Galicia (CPEIG) vén de colleitar hoxe un importante recoñecemento ao seu esforzo e traballo constante na procura da regularización das enxeñarías en informática. Segundo fai saber nun comunicado, a aprobación no Parlamento galego da proposición para instar ao Goberno do Estado á aprobación dun regulamento sobre titulacións e atribucións profesionais das Enxeñerías en Informática só pode ser recibida como unha boa nova. Asemade, o CPEIG salienta moi positivamente o feito que o apoio recibido fose unánime: PP, PSdG e BNG amosáronse de acordo co dito proceso de regularización e así o manifestaron aprobando a iniciativa presentada polo Partido Popular. Ademais, destaca o Colexio, os tres grupos comprometéronse a introducir na dita proposta non de lei a relevancia de “escoitar as necesidades do sector no labor de regulación”.
E prosegue o Colexio Oficial no seu comunicado, lembrando o traballo despregado estes anos a prol do recoñecemento do sector: “A aprobación dunha normativa que regule as Enxeñarías en Informática, equiparándoas ás demais enxeñarías, é unha das principais demandas polas que está traballando o CPEIG, coa organización e participación en diversos actos reivindicativos a nivel autonómico e estatal. O obxectivo final é lograr o recoñecemento da importancia da profesión no desenvolvemento da sociedade actual”.
Na imaxe, primeiro pola dereita, o presidente do CPEIG, Fernando Suárez, asistindo esta mañá do mércores 24 ao debate parlamentario dende a tribuna do público.
O CPEIG felicita ao Parlamento polo seu apoio unánime á regularización das enxeñerías en informática
Compartir Este Artigo

