O Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade xa está na Rede. Segundo informa Vieiros hoxe, Santiago, e máis polo miúdo o Museo do Polo Galego, acolle este serán a posta en longo de toda a información dispoñible sobre o recurso, que entre outras cousas supón un exemplo de alianza de contrarios: o noso pasado, particular en todos os seus detalles, e a canle dixital, espazo nun principio ao servizo do xenérico. O traballo de envorque do dito Arquivo á Rede, onde de maneira paradoxal a Galiza que vai esmorecendo ten firmes apoios para a divulgación, tivo o seu xermolo en Sons e Voces da Identidade, proxecto que como o seu propio nome indica documenta e preserva a través da vía das novas tecnoloxías, o noso patrimonio inmaterial, concretamente o do Instituto de Estudos das Identidades do propio museo.
Entre o abondoso material sonoro a tratar atopábanse, por exemplo, as máis de cincocentas fitas magnéticas rexistradas polo equipo dirixido por Xosé Luís Rivas e Baldomero Iglesias, unha boa parte das cales proceden de conversas con informantes do rural levadas a cabo ao longo de varias décadas.
Segundo se sinala na propia web do Arquivo (que permite facer buscas dos documentos sonoros de xeito doado e completo, incluíndo datos como o autor, temática, data ou recompilador), tras do traballo que fica agora á disposición da sociedade galega en liña hai un máis que laborioso proceso de busca, tratamento dos rexistros, transcrición e posta en marcha dunha gran base de datos.
Por certo que o material dixitalizado e envorcado na Internet é público, accesible e participativo (aberto a achegas da comunidade internauta e informando polo miúdo delas e da súa procedencia).
En liña e accesible o Arquivo do Patrimonio Oral da Identidade
Compartir Este Artigo

