O Centro de Supercomputación de Galicia, tal e como anunciamos hai un tempo nesta mesma web, está en vías de ampliar o espazo que ocupa actualmente no Campus Sur de Santiago, pero coa particularidade de que as novas incorporacións non se darán no Campus Sur. Concretamente, será o polígono industrial da Sionlla o emprazamento que acolla o novo edificio do CESGA, obra do prestixioso arquitecto valenciano Carlos Meri Cucart (na imaxe, o proxecto). Segundo contou os días pasados El Correo Gallego facéndose eco de fontes oficiais do Concello, o proxecto está a ser avaliado en detalle polo Goberno local, sobre todo o que atinxe ás particularidades urbanísticas do novo edificio.
A falta de maiores informacións sobre o proceso, o que si sabe é que o Finisterrae (o supecomputador de máis 35 toneladas que alberga o xa edificio vello do CESGA, un dos equipos máis potentes de Europa) seguirá a achegarlles servizo aos investigadores galegos dende o seu emprazamento orixinal en Santiago. Con todo, a posta en marcha das infraestruturas da Sionlla, que segundo se conta no dito xornal compartirá espazo no polígono co Instituto Español de Matemáticas –entre outros centros de investigación- incluirá importantes ampliacións de equipo técnico e humano (pasarase de contar con 60 investigadores a ter un equipo de 200).
A idea, tal e como adiantou hai meses o anterior goberno galego, é darlle un importante pulo estratéxico á investigación galega, sobre todo no referente aos labores vinculados ao cálculo intensivo e ás comunicacións avanzadas (predición de incidencias do clima, loita contra doenzas, axuda na produción de fármacos, etc).
Polo que respecta ao desenvolvemento das obras do complexo industrial da Sionlla e máis concretamente á súa urbanización, dicir que todo apunta a que contarán co mesmo orzamento orixinal aprobado na lexislatura autonómica anterior (25 millóns de euros). Arestora xa se completou a expropiación dos máis de un millón de metros cadrados que precisa a súa posta en marcha. Por certo que o complexo terá potencial para albergar a 138 empresas e disporá de estación ferroviaria propia.
A nova sede do CESGA contará cun equipo fixo de 200 investigadores
Compartir Este Artigo

