A Zona Franca de Vigo serviu de escenario a finais de xuño a un encontro empresarial dirixido a procurar os camiños que máis nos afasten da focha produtiva que afecta, con máis ou menos diferenzas, a case todos os sectores. Máis polo miúdo, o encontro non só se encamiñou a localizar as ferramentas que máis poden reforzar o tecido produtivo galego, proceso feito de antemán (hai case unanimidade en que os recursos chamados a tal fin son os do coñecemento), senón a localizar as mellores canles para usalas.
Na xuntanza participaron fomentando o dialógo activo os representantes dos clústers e as plataformas tecnolóxicas de tres dos eidos produtivos estratéxicos no noso país: a madeira, a acuicultura e as enerxías renovables.
A idea, convocando unha boa parte da maquinaria económica galega, foi buscar maior colaboración entre a devandita sección e a que se dedica a actividades ligadas do dixital. Neste senso, quedou claro que a necesidade de apoio vén dende ámbalas partes: os tres sectores produtivos, ao igual que o resto do tecido empresarial galego, precisan das TIC para reforzarse perante a crise, e as empresas TIC precisan das outras para medrar e dar saída aos seus produtos.
Asemade, buscáronse na xornada (organizada pola asociación Ineo na súa sede de Vigo) métodos para fortalecer ás compañías galegas do eido dixital no complicado proceso de entrada ao mercado globalizado. Neste senso, fíxose especial fincapé en reforzar a súa capacidade de interlocución, de aí a presenza de compañías alleas ao seu eido de acción.
A xornada, informan os organizadores, cumpriu con estes obxectivos pero tamén coa finalidade de que lograr que os participantes coñecesen os instrumentos e apoios para o desenvolvemento do potencial de coñecemento nas pequenas e medianas empresas galegas para colaborar con outros sectores para os que é un sector transversal.
Deste xeito, os socios de Ineo, aos que estaba dirixida a xornada, puideron coñecer aos interlocutores e posibles cooperantes en proxectos de mellora da produtividade a través da implantación das TIC nos procesos de produción, comercialización, administración e dirección.
Nas exposicións informouse de cal é a situación actual dentro de cada sector e as previsións de evolución futura. Por parte das plataformas tecnolóxicas, apuntáronse os principais obxectivos das súas axendas estratéxicas.
Tamén houbo lugar para a explicación de cales son as axudas vixentes para levar a cabo proxectos de modernización tecnolóxica nos diferentes sectores.
Unha vez finalizadas as exposicións, os participantes tiveron a oportunidade de manter reunións individuais cos relatores para ampliar coñecementos e obter asesoramento ao respecto de cuestións de interese particular para cada empresa.
A organización desta xornada de Ineo contou coa financiamento do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) e da Consellería de Economía e Industria da Xunta de Galicia.
Empresarios da madeira e as renovables tomaron coñecemento en Vigo da oferta TIC galega
Compartir Este Artigo

