
O obxectivo de IBM e Caixanova é que o edificio conte antes de que remate o ano cun equipo de traballo de 50 persoas, deixándose marxe de abondo para acadar os cincocentos empregos ao longo dos anos vindeiros, dependendo da evolución do negocio e da resposta por parte do empresariado.
O seu cometido específico será achegarlle innovación a Caixanova (mellora das aplicacións e servizos, redución de custes), pero segundo apuntou a entidade tanto os froitos de traballo como o alcance do mesmo irán alén deste eido particular. De feito, puntualizou, está previsto que desenvolva diferentes proxectos tecnolóxicos para outras empresas tanto españolas como estranxeiras, co obxectivo de mellorar a súa competitividade e rendibilidade a través do deseño e mantemento de aplicacións.
O CENIT Ourense operará en conexión cos outros dos centros desta índole que INSA mantén habilitados en España: CENIT Aldeatejada de Salamanca (na imaxe) e CENIT Cáceres, así como coa rede internacional de emprazamentos de innovación da casa IBM. O principal beneficio disto é a ampla marxe para compartir recursos que se pon en xogo, o que tamén se traduce en apoios de todo tipo sempre que a situación o requira.
Para Caixanova, tamén son evidentes as vantaxes que o proxecto ten para a nosa terra: con este acordo con IBM, sinala a entidade galega, reforzarase o sector das novas tecnoloxías da información e impulsaranse iniciativas sectoriais e acordos de colaboración “que permitan aproveitar ao máximo as sinerxías entre as empresas e as institucións involucradas”.
Máis información na sala virtual de prensa de IBM.
Caixanova e IBM abrirán antes de que remate 2009 un centro tecnolóxico en Ourense
Compartir Este Artigo

