Ás cidades, vilas e aldeas xa non se chega unicamente co corpo físico, senón tamén, e de xeito simultáneo, coa presenza virtual. Neste senso, as localidades galegas, cos seus acertos e coas súas eivas en materia de afianzamento na Rede, non semellan ser xa unha excepción. É o caso das de Ourense, que segundo datos achegados polo Inorde e máis o Padroado Provincial de Turismo teñen cada vez máis e mellor comunicación cos turistas a través das novas tecnoloxías do eido dixital. Máis polo miúdo, mediante as actividades físicas e virtuais xurdidas ao abeiro da web www.turismoourense.com, foco de información da cidade e da provincia en materia de promoción de si mesmas.
Os datos fornecidos polo Inorde, reflectidos estes días por La Voz, falan por si sós: no segundo trimestre do presenta ano, a páxina en cuestión rexistrou un medre de solicitudes de información do 92,41% con respecto ao ano anterior.
Este feito, unido a outros, está a afianzar a dita web “como a mellor ferramenta de venda de turismo da provincia”, sinalan os responsables da mesma.
Cómpre sinalar que non toda a actividade vinculada ao portal se mantivo constante no que vai de ano: o mes que marcou diferenzas foi sen dúbida o de abril, carpetazo do inverno e antesala do verán, cunha cifra total de 1.167.753 consultas. Pero hai máis datos de interese que se extraen dos informes de Inorde, datos que non fan máis que confirmar a presenza cada vez maior da Internet en todo o vinculado a unha viaxe: o 85% das persoas que pasaron pola nosa terra programaron a súa visita apoiándose nas novas tecnoloxías da información.
Ourense confirma a súa pegada turística na Rede
Compartir Este Artigo

