Tendo en conta que en cuestión de buscadores xenéricos, moi poucas posibilidades hai de facerlle a competencia a Google (que ás veces dá a impresión de ir inserido con lume nos cerebros dos/as internautas), dun tempo a esta parte están a proliferar na Rede outro tipo de ferramentas, moito máis específicas e, dependendo do que se queira, á súa maneira moito máis efectivas. Estas ferramentas, que contribúen a quitármonos do medio todo o que non nos interesa sobre un concepto concreto, teñen a súa razón de ser no efecto colateral da globalización que é esta vaga de especificidade na era dixital. Unha desas propostas é Buscatoo, un buscador que se está dando a coñecer estes días e que centra a súa actividade na procura a nivel internacional de información vinculada aos eventos sociais.
Buscatoo, en palabras dos seus responsables (profesionais na organización de encontros “de alta calidade”), é un portal onde calquera persoa ou empresa, sexa de onde sexa, pode localizar un espazo (restaurante, hotel, finca) para a celebración do seu evento particular (cóctel, voda, reunión de empresa, conferencia, rolda de prensa, comida, rodaxe ou espectáculo) así como os provedores que se precisan para o desenvolvemento dos mesmos.
Entre as súas características principais, atopamos as seguintes: vincula espazos e máis empresas de servizos para eventos (corporativos ou familiares) por zonas xeográficas, achega buscas avanzadas amplas con filtros para depurar as procuras (tipo de espazo, área xeográfica do mesmo, axenda de ocupación, ficha técnica, etc) e subminístralles aos usuarios a opción de subscribirse a alertas “intelixentes” concordantes coa busca desexada. A ferramenta conta co respaldo de Fredevent, firma con máis de 10 anos de experiencia na organización de eventos sociais de todo tipo.
Buscatoo: buscador mundial especializado nos eventos sociais
Compartir Este Artigo

