A operadora Jazztel vén de indemnizar con 2.000 euros a un cliente que ficou durante tres meses sen liña telefónica nin acceso a Internet. Segundo conta EFE a partir de informes da organización de consumidores FACUA (encargada de levar a parte legal do proceso), a compañía de telecomunicacións foi condenada a pagar a devandita cifra polo Xulgado de Primeira Instancia número 8 de Sevilla, indemnizacións por danos morais que a operadora finalmente pagou cos seus intereses incluídos.
Os feitos tiveron o seu xermolo en outubro de 2006, cando o denunciante lle solicitou á compañía a portabilidade do seu número e un servizo de ADSL. A empresa, a tenor das declaracións vertidas no proceso xudicial, tardou case 30 días en pedir a portabilidade ao anterior subministrador de servizos de telecomunicacións do usuario, proceso que chegou á súa fin pero desencadeando problemas de tramitación que deixaron ao denunciante sen liña.
O pago das devanditas indemnizacións, malia todo, fíxose agardar. Segundo conta FACUA, non abondou cos tres meses de espera: logo dese tempo, o cliente solicitou a baixa e procedeu a reclamarlle á compañía unha compensación monetaria, petición que a empresa denegou, polo que finalmente o usuario optou pola vía xudicial. Polo que respecta á sentencia, faise saber nela que o servizo non se interrompeu (como alegaba Jazztel) senón que nunca foi activado. Asemade, establece que a privación de liña e de Rede durante noventa días achegoulle ao cliente unha “incomodidade que non estaba obrigado a aturar”.
Jazztel paga 2.000 euros a un cliente ao que deixou noventa días sen teléfono e Rede
Compartir Este Artigo

