Os Telecentros de Melide, Betanzos, Chantada (na imaxe), FCSC (a Facultade de Ciencias da Comunicación en Pontevedra), A Cañiza e Ourense van acoller durante as vindeiras semanas un curso de Creatividade e Intelixencia Emocional, actividade formativa encamiñada a achegar recursos e consellos para reforzar a capacidade de superación (social, laboral, persoal) das persoas inscritas nas ditas aulas dixitais fronte aos novos retos que impón a Sociedade do Coñecemento. O curso, de 120 horas, consta de tres actividades gratuítas a desenvolver nos devanditos centro multimedia durante o ano 2009.
Incorpora no seu seo catro módulos de aprendizaxe, un por cada eido temático: ideas (ensinar a prensar e a facer exercicios de pensamento para saber cales son as boas e cales son as malas ideas), creatividade (aprender a converter o positivo en aínda máis positivo: ideas con capacidade de ter vida propia e máis pegada social), intelixencia emocional (achegar recursos para manexar a forza das emocións co fin de mudar as ideas mellores en realidade) e informática (uso das mellores ferramentas actuais co obxecto de facer máis doado o pensamento activo, a creatividade e máis a intelixencia emocional).
Polo que respecta ás persoas destinatarias da actividade formativa, sinalar que vai encamiñado a mozas e mozos interesadas/os en tirar partido dos recursos propios de seu (maxín, enxeño, capacidade de pór en marcha proxectos) como vehículo para a mellora social e persoal. O número de prazas por centro vén establecido pola capacidade de cada aula. No que atinxe aos horarios, relembrar que contará cunha duración de 120 horas en aula, a distribuír de luns a xoves e de 9.00 horas a 14.00. A segunda das accións formativas dará comezo o vindeiro martes 22 de setembro, e desenvolverase ata o martes 3 de novembro nos telecentros citados. Establecerase tamén unha titoría en liña a disposición das/os participantes, tanto durante as sesións como en aula como no mes posterior ao remate das sesións devanditas. Por certo que xa está aberto o proceso de inscrición.
A Rede de Telecentros acollerá un curso de creatividade e intelixencia emocional
Compartir Este Artigo

