O panorama de investigación galega vén de ser escenario dun compromiso público a tres bandas encamiñado a potenciar a investigación mesma, pero dun xeito o máis xusto posible con quen concorre nela ou ten intención de facelo. Este de fomentar a participación igualitaria no tecido innovador, público ou empresarial, é precisamente o gran obxectivo dos departamentos da Xunta reunidos hoxe: a Secretaría Xeral de Igualdade, a Secretaría Xeral de Universidades e máis a Dirección Xeral de I+D. Durante a xuntanza, informan fontes oficiais, os participantes coincidiron na necesidade de poñer en práctica, de xeito conxunto, iniciativas que favorezan a participación xusta e obxectiva de mulleres e homes nos eidos tecnolóxico, científico e universitario.
Entre as liñas de actuación nas que se comezará a traballar en breve situouse a Unidade de Muller e Ciencia, encamiñada a incrementar a presenza das mulleres no tecido investigador galego, “promovendo accións dirixidas a suprimir os desequilibrios existentes no relativo á formación científica, á investigación e innovación e á xestión da I+D”.
Na xuntanza participaron Marta González (secretaria xeral de Igualdade), José Alberto Díez de Castro (secretario xeral de Universidades) e Ricardo Capilla (director xeral de I+D).
A Xunta traballará a prol dunha innovación galega igualitaria
Compartir Este Artigo

