O Ministerio de Industria vén de asinar convenios de colaboración coa Fundació Privada pel Foment de la Societat del Coneixement, a Fundación para la Universitat Oberta de Catalunya (na imaxe) e o Concello de Segovia. A finalidade destes tres acordos, feitos para financiar proxectos tecnolóxicos, é contribuír ao afianzamento da Sociedade da Información en España. A contía dos cartos postos en xogo para cubrir as actividades de promoción da Rede que xurdan das devanditas entidades será de 2,70 millóns de euros, inseridos dentro do marco do Plan Avanza2.
Polo que respecta ao convenio asinado coa Fundació Privada pel Foment de la Societat del Coneixement, dicir que a subvención ascende a 1,25 millóns de euros. A finalidade disto é apoiar as actividades de innovación, educación e desenvolvemento que ten programadas a Fundació para este ano 2009.
Polo que atinxe ao convenio establecido coa Universitat Oberta, dicir que inclúe un financiamento de 1,20 millóns de euros, encamiñados a impulsar as actividades do Internet Interdisciplinary Insitute (IN3), un centro de investigación dedicado a estudar os efectos das novas tecnoloxías na sociedade.
O acordo asinado co Concello de Segovia ten como obxectivo principal apoiar as actuacións do Círculo das Artes e a Tecnoloxía (CAT), un espazo de innovación que centra os seus esforzos no afianzamento da Sociedade da Información a todos os niveis sociais e económicos. O financiamento dedicado ao CAT será de 250.000 euros.
Industria destina 2,7 millóns de euros para o afianzamento do uso das redes
Compartir Este Artigo

