Todo traballador ten a súa cruz, e o das persoas que traballan coa información non é outra cousa que a información mesma. Ou mellor dito: a información que non vale, que para enlear un pouco máis a cousa é case case o mesmo que dicir “información” a secas, tan miúdo resulta o froito do proceso de peneirado. O caso é que segundo se nos lembra no último informe de SPAMfighter, os pesadelos dos que traballan con datos teñen cada vez unha forma máis concreta: a de correo lixo, spam en xeral, reenvíos que prometen infortunios si se rompe a cadea, ofertas de traballo doméstico ficticio, avisos falsos de entidades bancarias ou convites a tomar Viagra a mandas. Para os autores do estudo, o tempo que se perde en separar o gran da palla non ten importancia un día, ou dous, pero paseniño vai sumando meses enteiros de enleada, feito especialmente preocupante para as empresas.
No dito estudo lémbrasenos que os traballadores en xeral están a recibir xa entre 1 e 10 correos ao día, o que constitúe un tempo mínimo de cinco minutos para eliminalos, o que multiplicado por todas as xornadas laborais de un ano achéganos unha cifra de máis de mil minutos.
Amais de horas (e non poucas), tamén se perden esforzos e seguridade. Na investigación advírteselles ás empresas que a chegada deste tipo de correos lixo é o mesmo que ir creando cada día un gran buraco de privacidade, unha xanela pola que se pode asomar quen así o desexo. De feito, case o 70% dos empregados confesa ter aberto algún correo de spam, ben sexa por despiste, ben sexa por simple curiosidade.
O correo lixo fainos perder unha media de 1.000 minutos ao ano
Compartir Este Artigo

