A Televisión Dixital Terrestre vén de recibir un novo pulo para a súa implantación no interior da provincia de Pontevedra. Concretamente no termo territorial de Forcarei e grazas a unha iniciativa posta en marcha polo Concello en colaboración co Ministerio de Industria. Segundo informa estes días La Voz, estaríamos a falar dunha campaña de achega gratuíta de aparellos receptores de TDT entre a veciñanza do dito municipio. O obxectivo: facer máis doado o proceso de asentamento da tecnoloxía dixital, un tipo de acceso aos contidos televisivos diferente do que unha boa parte dos veciños coñecen e que, insistimos, substitúe totalmente ao anterior (polo que é preciso adaptármonos ás súas características se queremos seguir recibindo sinal). Por certo que os aparellos van ser repartidos seguindo unha serie de pautas. Así, só chegarán ás persoas que residan no termo municipal e non dispoñan a día de hoxe de receptor de TDT no seu fogar.
A maiores, cómpre que os veciños e veciñas beneficiados cumpran uns requisitos: que sexan maiores de 65 anos con graos de dependencia III ou II nos niveis 1 ou 2, ou ben que sexa maiores de 80 que vivan sós ou con outras persoas maiores de 80 anos.
Asemade, poderán acceder á achega de equipamentos os residentes con diversidade funcional sensorial superior ao 33%. O prazo de peticións ficará aberto ata o vindeiro día 25.
O Concello de Forcarei distribuirá receptores TDT de balde
Compartir Este Artigo

