Seguimos dando conta de actividades formativas postas en marcha na nosa terra para ir abríndonos as portas aos segredos e vantaxes da Sociedade do Coñecemento. Entre as iniciativas que comezan de xeito máis inmediato (e que centran o seu programa no tema que nos ocupa: as redes e o dixital) atopamos as que está a promover a Asociación de Empresarios de Bergondo en colaboración co Concello, dous Cursos de Iniciación á Informática de sesenta horas de duración e a desenvolver durante o mes de outubro. Segundo informa a dita Asociación, as sesións formativas serán en horario de mañá e de tarde (a elixir) e están dirixidos a todas/os aquelas/es que queiran abrirse camiño na era dixital e nos seus recursos, especialmente axeitados para ampliar currículo, formación e máis posibilidades de comunicación.
Máis polo miúdo, achegaranse claves teóricas e prácticas para adquirir coñecemento básico sobre o manexo dun computador, programas de ofimática, acceso e navegación por Internet ou manexo do correo electrónico.
Segundo informa a organización, as persoas interesadas poderán formalizar de balde a súa inscrición na Casa de Cultura do Concello de Bergondo ou na sede da Asociación de Empresarios de Bergondo entre os días 14-25 de setembro. Para calquera dúbida poden chamar aos teléfonos 981 791252 / 981 795062.
A Asociación de Empresarios de Bergondo organiza cursos de iniciación aos segredos da informática
Compartir Este Artigo

