Non falla: en canto ferve nos medios unha cuestión que logo a cidadanía demanda máis fonda e amplamente tratada, a cuestión aparecerá de xeito fulminante nesa especie de cumio do marketing enganoso que é o correo lixo. E se hai moita alarma social de por medio máis e mellor: as nosas contas serán un repertorio de envíos sobre supostas claves para superar ese tema en concreto ou para estarmos máis informados sobre el. En certa maneira, o fenómeno é o produto lóxico da sociedade na que vivimos: imita drasticamente as leis da oferta e a demanda, aínda que a un nivel un pouco máis perverso. Segundo conta estes días PandaLabs e por se alguén non se decatase, o negocio informativo xerado arredor da gripe A está a converterse na columna vertebral dunha boa parte dos correos lixo que recibimos.
A cousa, como sempre, é un pouco ruín: tirando proveito da popularidade do tema e da divulgación de consellos de saúde, hai xa algún que outro internauta pondo en circulación troianos a través do correo electrónico.
O anzol e a carnada, como dixemos, é unha combinación de asuntos ligados á gripe A presentados de xeito conveniente: advírtesenos nestes correos que acompañan ao troiano dunha conspiración económica por parte dos laboratorios farmacéuticos e nos anima a abrir un power point para poder atopar o segredo desvelado. Sobra dicir que isto precisamente é o último que deberemos facer, xa que de facelo estaremos abríndolle a porta ao devandito virus, sen o noso coñecemento (entra, por así dicilo, mentres ollamos para outra parte) e listo para ir roubando a información que ao seu autor lle poida interesar. Por certo que segundo engade Panda Labs, ao longo das últimas horas estase a rexistrar un intenso tráfico de correo electrónico distribuíndo esta mensaxe, polo que a empresa de seguridade informática solicítalles aos internautas extremar as precaucións: non abrir ningún correo destas características e seguir mantendo o antivirus do equipo informático actualizado.
Panda advirte dun troiano que entra nos ordenadores con feitura de consello fronte á gripe A
Compartir Este Artigo

