Ante a posibilidade de que este ano non se celebre a feira Culturgal (encamiñada a poñer de relevo o labor salientable que as nosas industriais culturais están a poñer en xogo ano tras ano), a comunidade internauta semella estar facendo fronte común para ir arredando os agoiros que nun principio apuntaban a un 2009 sen o devandito encontro. Segundo informa estes días Vieiros, vense de crear na rede social Facebook o grupo Queremos Culturgal 2009, plataforma que como o seu propio nome indica fará todo o que sexa posible, sobre todo en tarefas de mobilización e recadación de fondos, para que a feira se celebre.
Por certo que a raizame do asunto está na decisión da Consellería de Cultura de deixar de financiar, polo menos este ano, a devandita xuntanza da industria cultura galega.
Case de xeito inmediato xurdiu o devandito grupo, que xa vai camiño arestora dos 400 membros. Detrás desta fronte común está a escritora Tatiana Mancebo. O seu obxectivo non é outro que darlle corpo á feira sen que sexa precisa a achega orzamentaria do Goberno galego. Por certo que o luns 14 está programada a apertura dun caderno en liña colectivo para acadarlle á iniciativa máis amplitude de banda e non limitarse ao espazo de Facebook. O blog incluirá espazos para debater e incluso canles para ir obtendo apoios a nivel de desenvolvemento.
A Rede galega comeza a pechar fileiras a prol da feira Culturgal
Compartir Este Artigo

