As bitácoras en liña, ademais de un mundo por descubrir, son unha boa porta para entrar na Internet, para entendela e mesmo para tirarlle o máximo partido. Así o entende a Rede de Dinamización da Sociedade da Información, quen coa colaboración do Concello de Vilasantar está a preparar unha serie de actividades de achegamento ás novas tecnoloxías para desenvolver ao longo do mes de outubro, entre as que se inclúe unha sobre o mundo dos blogs. Máis polo miúdo, trátase de tres obradoiros, o primeiro deles sobre mecanografía no teclado do computador (a levar a cabo do 5 ao 8 de outubro en horario de 17 a 19 horas) e o segundo de iniciación á Internet (co obxectivo de introducir aos participantes nas moitas vantaxes que a Rede lles pode ofrecer na súa vida diaria, do 13 ao 19 de outubro e, tamén, en horario de tarde).
Por último, e tal e como sinalamos ao principio, tamén está previsto un curso sobre bitácoras en liña.
Baixo o epígrafe Blog, participa en Internet o Centro de Dinamización de Vilasantar quere con esta actividade facilitarlle á veciñanza os recursos básicos precisos para afianzarse no blogomillo (o movemento blogueiro galego). A actividade levarase a cabo entre o 20 e o 29 de outubro, en horario de 17 a 19 horas. Amais de todo isto, a Rede de Dinamización e o Concello teñen prevista a celebración da charla Memoria de Muller, o vindeiro día 29 ás 19 horas, na aula da Rede en Vilasantar. O prazo de inscrición para estas actividades rematará a véspera do comezo de cada unha delas.
Vilasantar acolle en outubro tres obradoiros de acceso á Rede
Compartir Este Artigo

