Xerais segue atenta aos novos tempos e xa comeza a centrar unha parte dos seus esforzos na preparación e lanzamento dos primeiros libros electrónicos (ebooks) galegos. Así o reflicte estes días Vieiros a partir de informacións do editor Manuel Bragado, para quen está claro que o 30 aniversario de Xerais e este intre social e político que vivimos (especialmente delicado para a nosa lingua) sitúan á editorial na obriga de adaptarse ás mudanzas comunicativas que se van producindo. Cambios dos que os primeiros ebooks en galego son un exemplo, unha parte do proceso normalizador do noso sistema editorial no que “temos moito camiño por percorrer”, sinala Bragado. Os libros electrónicos en cuestión sairán entre novembro e decembro deste ano, saíndo ao mesmo tempo en papel e máis en edición electrónica.
O lanzamento coincidirá cos intres previos ao que se prevé sexa o empurrón definitivo deste formato a nivel estatal. Para o editor de Xerais e blogueiro, a posta no mercado de obras galegas en ámbolos dous formatos constitúe un xeito de salientar o contido dunha obra por riba de impoñer calquera feitura externa. O obxectivo, sinala, é que sexan os propios lectores os que escollan por que medio queren acceder ao texto e segundo sexan as súas preferencias.
Xerais prepara os primeiros libros electrónicos galegos
Compartir Este Artigo

