O mundo empresarial TIC xa ten unha historia. Relativamente breve, pero unha historia a fin de contas. En certa maneira, unha década na primeira liña competitiva do dixital non é exactamente unha década. Tendo en conta o enleado do sector e o escasamente firme que era o terreo pisado ata hai ben pouco, estaríamos a falar de moito máis tempo. Polo tanto, faise especialmente preciso acreditar unha traxectoria, unha experiencia e unha calidade. Sobre todo se o que se pretende é afianzar produtividade e potencial para competir. Favorecer este punto é un dos cometidos de EGANET (Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías), que está a poñer a disposición das firmas do país un dos máis prestixiosos avais dos que se teñen constancia no ámbito da industria TIC. Segundo informa a entidade, a convocatoria para acadar o European Seal of e-Excellence (Selo Europeo de e-Excellence 2010) xa está aberta de xeito oficial.
O distintivo en cuestión, que salienta as traxectorias excelentes na achega comercial de innovación, tería na dita asociación galega a súa primeira socia galega.
Segundo conta EGANET, os responsables do selo (unha rede de medios dixitais europeos en distintas asociacións) estarían arestora a procurar na nosa terra empresas susceptibles de seren premiadas polas súas prácticas en materia de fornecemento de I+D.
Máis polo miúdo, o distintivo dedícase a promover no mercado mundial aquelas firmas con servizos e produtos novos e aquelas entidades empresariais con excelentes métodos de traballo na comercialización e difusión deses produtos.
Para EGANET, a edición deste ano será unha boa oportunidade para que empresas galegas incorporen o selo como acreditación da súa calidade. O prazo para solicitalo estará aberto ata o día 31 de decembro deste ano. As empresas interesadas poden inscribirse en liña mediante a páxina web oficial. Entre as vantaxes que terán ao seu alcance no caso de seren obxecto do devandito certificado atópanse as seguintes: publicidade de todo tipo, presenza nos programas de promoción, inclusión no Foro Europeo do Multimedia ou tarifas preferenciais para todos os servizos de e-Accelerator.
EGANET pon ao alcance das empresas galegas o selo europeo e-Excellence
Compartir Este Artigo

