O número de empresas españolas que tiveron a ben inscribir a súa información na Axencia de Protección de Datos (AEPD) non acaba de despegar, e iso que as regulacións non deixan moita marxe para o contrario. Segundo datos achegados pola consultora Affirma e reflectidos por webs como Elpais.es, a posibilidade de ser obxecto dunha sanción (pois existe esa probabilidade, obrigando a lei como obriga, dende hai dez anos, a incluír os ficheiros corporativos na dita Axencia) non semella que estea a variar o rumbo da situación.
Máis polo miúdo, a taxa de empresas que aínda non apostou pola devandita vía é do 84%. Isto, sinala a dita consultora, podería derivar en multas que van das máis leves (de 600 a 60.000 euros) ata as moi graves (ata os 600.000 euros).
España, engádese no informe, é o país da Unión Europea coas sancións de meirande envergadura neste eido. O obxectivo destas penalizacións potenciais e das regulacións das que abrollan é protexer a privacidade e a seguridade das persoas físicas a través dun manexo dos datos axeitado.
As firmas que inscriben a súa información na Axencia de Protección de Datos, en minoría
Compartir Este Artigo

