Hoxe é o día no que Microsoft lanza oficialmente o Windows 7, sistema operativo que toma o relevo do Windows Vista para librarse así da mala sona do sucesor de Windows XP, e que é a grande esperanza da industria da informática para dar un novo pulo ás vendas de equipos, como habitualmente acontece con este tipo de lanzamentos.
A partires de hoxe, dende os ultraportátiles (que gozarán do Windows 7 Starter) ata os equipos máis potentes (que deberían facer uso dalgunha das versións de 64 bits do novo sistema) poden adquirirse co Windows 7 preinstalado, o que habitualmente supón o mesmo desembolso económico que cando incluían Windows Vista, o que contrasta cos elevados prezos que ten o S.O. ao mercalo de xeito independente, custando o Windows 7 Home Premium 199,99 euros (119,99 euros na versión de actualización), 309 euros o Windows 7 Professional (285 euros se é unha actualización) e 319 euros o Windows 7 Ultimate (299 euros a actualización), resultando indistinto se falamos da versión de 32 como a de 64 bits, aínda que tamén é posible atopar ofertas puntuais como a das tendas de APP, que venden o Windows 7 Home Premium de 32 bits a 97,50 euros.
De todos os xeitos, a adquisición deste software de xeito independente non parece unha decisión moi atinada, xa que, por exemplo, un equipo Compaq Presario con 4 Gb de RAM e 500 Gb de disco duro pode adquirirse por pouco máis de 300 euros incluíndo o Windows 7 Home Premium de 64 bits, que estaría valorado en 199,99 euros, ou sexa, que o ordenador sairía a un prezo de risa, de aí que resulta aconsellable deixar o cambio de sistema operativo a o cambio de equipo ou a algunha oferta puntual (coma descontos para estudantes ou paquetes de licenzas para uso familiar ou corporativo).

Os usuarios que adquirisen equipos con Windows Vista preinstalado posiblemente noten poucas melloras en Windows 7, pero os equipos que si notarán de xeito importante o cambio serán os ultraportátiles de baixo custo, pois de xeito xeral poden gozar duns tempos de inicio moito máis reducidos, e incluso comentan que van preparar unha aplicación oficial de Microsoft para permitir a instalación de Windows 7 dende unha memoria USB, o que agradecerán os usuarios destes equipos que habitualmente carecen de lector de DVD.
O Windows 7 chega oficialmente ao mercado
Compartir Este Artigo

