A páxina web da Asociación de Empresarios de Mos, unha ferramenta que botou a andar hai xa máis dunha década, vén de rexistrar no último mes un total de 8.093 visitas procedentes de diferentes puntos do mundo, o que supón unha media de algo máis de 261 visitas ao día.
Dende os seus comezos, AEMOS viu “esencial” a súa presenza na Rede para difundir o seu labor diario e chegar a toda a sociedade, tanto ás empresas como aos traballadores en activo ou ás persoas demandantes de emprego, polo que lanzou un sitio en liña no que ademais das seccións de novas, emprego ou formación, as persoas usuarias poden atopar apartados dedicados aos socios e á propia asociación
En concreto, a Sección de emprego foi a máis visitada polos internautas e a que levou á páxina a obter cifras récord de visitas en tan só un mes, debido sobre todo, segundo indican os responsables da ferramenta, “ao momento de coxuntura económica no que nos atopamos, que fai que a xente acuda á web en busca dun posto de traballo que se adecúe aos seus coñecementos e necesidades”.
Consultas dende 65 cidades de España
Das 7.889 visitas recibidas nesta web dende o estado español no último mes, 5.901 proceden da zona de Vigo e, “curiosamente”, o segundo lugar de orixe da conexión é Madrid, con 1.160.
Dende a asociación apuntan “á difusión das súas ofertas de emprego no programa de La2, Aquí hay trabajo” como o motivo principal deste importante incremento de visitas dende a capital, e afirman que ademais de outros 65 puntos de acceso dende o estado español, rexistráronse un total de 204 visitas procedentes de México, Portugal e Arxentina, entre outros países.

