O ministro de Industria, Turismo e Comercio, Miguel Sebastián, viaxou onte ata California para inaugurar o US, Spain Business Sustainability Forum, un dos foros máis importantes do programa Made in / Made by no que participan máis de 110 empresas españolas e máis de 100 estadounidenses de sectores como o medioambiental, o do transporte e o da enerxía, entre outros.
Durante a súa intervención, Sebastián destacou que “a innovación, a cooperación e a sostibilidade xogaran un papel fundamental na saída da crise”, e neste senso, identificou os proxectos concretos nos que España e os Estados Unidos poden colaborar en materia empresarial, que segundo el son: o das enerxías renovables, o das infraestruturas, o da educación e o da saúde, os piares fundamentais sobre os que “construiremos o noso futuro común”.
Unha boa parte do seu discurso centrouse en destacar algúns datos que poñen de manifesto a importancia que xogan as nosas empresas no contexto internacional, citando a relevancia das entidades dedicadas ás enerxías renovables, como a eólica ou a solar, as de aproveitamento de recursos hídricos e as dedicadas ás infraestruturas e transporte.
Unha vez inaugurado o devandito acto, a delegación española dirixiuse aos laboratorios Grifols, propiedade dunha empresa española, punteira no ámbito dos tratamentos hematolóxicos, onde comprobaron de primeira man a identificación das empresas españolas con proxectos de alta tecnoloxía.
Finalizado o encontro, e ante a presenza do ministro, as autoridades procederon á sinatura dun Acordo de Colaboración entre a Cámara de Comercio da Área de Los Ángeles e o Consello Superior de Cámaras de Comercio, Industria e Navegación de España co obxectivo de fortalecer as relacións comerciais entre ambas Cámaras.
Sebastián defende a capacidade tecnolóxica das empresas españolas en California
Compartir Este Artigo

