
Segundo detalla a Secretaría de Estado, un total de 2.251 pequenas e medianas empresas de Galiza contan xa con web corporativa e propia de seu a través da devandita iniciativa, un programa que, como se dixo, promoveu dende outono de 2008 ata xuño de 2009 servizos de Internet no eido empresarial.
O plan NEW, inserido no Plan Avanza2, contou cun investimento público e privado de máis de 13,5 millóns de euros. Por certo que segundo se fai saber no reconto de datos, os galegos fomos dos que amosamos meirande dinamismo á hora de contratar estes servizos (portais corporativos a través de NEW). A nivel español, arredor de 37.000 empresas e autónomos puideron poñer en marcha a súa web particular a través deste programa, o que segundo os responsables do mesmo supón un medre de máis de 13.000 con respecto á primeira edición. No caso das firmas galegas que teñen presenza en liña ao acubillo deste plan, temos que falar dun 6% do total.
O cómputo final de páxinas creadas na nosa xeografía por provincias queda deste xeito: A Coruña (954), Pontevedra (708), Lugo (325) e Ourense (264).
A iniciativa NEW, que lles permite ás empresas -a un prezo moi razoable- contar con servizos básicos como a devandita web ou máis avanzados (como publicidade en liña, tenda virtual ou asesoramento en posicionamento), veu acompañada dunha serie de obradoiros presenciais distribuídos ao longo e ancho da xeografía española. Nestas sesións participaron máis de 3.400 empresas e autónomos, sendo a cifra final de asistentes galegos de 268.
O programa estatal para dotar de web ás pequenas empresas deu servizo a 2.251 firmas galegas
Compartir Este Artigo

