Os tempos marcan, e a Rede por enteiro dá conta deles. Así, non é casualidade que a cuarta edición do Congreso da CiberSociedade vaia xirar arredor duns cambios que nos afectan a todas e todos, esteamos ou non na Rede e vivamos ou non ao tanto da evolución das comunicacións. Máis polo miúdo, o encontro xirará arredor da cuestión Crise analóxica, futuro dixital, en boa medida resumo dos tempos nos que vivimos, sen desvincularnos aínda do pasado e albiscando ao lonxe xeitos de comunicármonos cos que apenas contabamos hai uns dez anos. O dito congreso, que se celebra a través de Internet, está organizado polo Observatorio para a CiberSociedade entre os días 12 e 29 de novembro (período aberto para a discusión en liña de comunicacións). As seis áreas temáticas principais serán as seguintes: educación, ciencia, política, cultura, economía e comunicación.
Como particularidade con respecto ás anteriores edicións, dicir que este ano tenta definirse como un congreso 2.0, o que implica o emprego das redes sociais, dos wikis, dos blogs e, en definitiva, da participación dos internautas. Estes recursos serán postos en xogo para a confección do evento na súa totalidade: dende a elección do lema e dos temas a tratar ata as conclusións finais.
Outra novidade salientable, informa a organización, reside na feitura das comunicacións presentadas no Congreso, que poden amosarse en formato gráfico e vídeo.
As intencións da organización é conseguir un debate aberto sobre os indicadores que miden o grao de desenvolvemento da Sociedade da Información. Para as persoas que estean interesadas en participar, cómpre dicir que xa está aberto neste apartado o prazo para as inscricións. Para acceder e participar no foro sobre indicadores dixitais para a Sociedade da Información cómpre acceder nestoutro apartado.
O Congreso da CiberSociedade 2009 será máis que nunca un evento 2.0
Compartir Este Artigo

