Durante a tarde do martes o ITE Caixa Galicia acolleu unha nova edición de Iniciador Galicia, encontro de emprendedores de base tecnolóxica que nesta ocasión contaron coma relator a Constantino Fernández, fundador de Altia Cosultores, quen narrou a súa experiencia profesional, resumindo a súa traxectoria e destacando os valores que considera que foron os máis importantes para emprender a súa iniciativa empresarial que deu lugar a unha das empresas de referencia no sector en Galicia.
Este coruñés de 43 anos destacou a importancia da economía de guerra (especialmente no referido á necesidade de manter certa solvencia e orientar o negocio sempre a resultados), á vez que sostivo que o valor dos países non está nos seus empresarios coma xeradores de riqueza (e que deberían emprender os seus negocios cunha vocación «full life»).
Deu moita importancia ao valor que teñen os clientes coma referencias, á posibilidade de establecer alianzas con outros competidores para acudir a proxectos conxuntos (polo que ao resto de axentes do sector non hai que velos coma inimigos) e, falando do que supón o sector TIC en Galicia, criticou que mentres as distintas Administracións Públicas falan do mesmo coma un «sector estratéxico», tales discursos quedarían na teoría, posto que Fernández non dubidou ao cualificar o sector coma irrelevante, ilustrando a situación con casos nos que tanto Administracións coma grandes empresas galegas lanzaron concursos públicos nos últimos meses cunhas condicións que imposibilitarían ás compañías galegas acudir aos mesmos, do que en parte tamén culpou ás compañías do sector, que teñen unha postura conformista, e non reivindican a súa forza coma axentes de dinamización económica e creadores de oportunidades de negocio, de xeito que moitas das compañías locais recorren a empresas foráneas ao non ser conscientes do sector na nosa terra.
Constantino Fernández denuncia a irrelevancia do sector TIC galego
Compartir Este Artigo
