A introdución dunha disposición final primeira do anteproxecto de Lei de Economía Sustentable que supón a modificación da Lei de Propiedade Intelectual e da Lei de Servizos da Sociedade da Información contou cun rexeitamento social moi visible na web, e o feito de que o Goberno non cambiase a súa política a tal respecto está a provocar que a mobilización cidadá non cese, e así naza a plataforma Red SOStenible, na que a Asociación de Internautas, a Aosciación de Usuarios de Internet, empresas, medios de comunicación en liña, blogs, activistas e moitos outros interesados (entre os que hai autores e creadores) únense para loitar contra unha Lei que permite o peche de páxinas web a través dunha Comisión dependente do Ministerio de Cultura que podería supor un atentado aos dereitos fundamentas dos cidadáns ao permitir que un órgano administrativo poida estar por diante do poder xudicial, evitando as garantías constitucionais esixibles a calquera proceso semellante.
A plataforma non está en contra da protección dos dereitos de autor, senón na formulación dunha Lei que segundo comenta o xornalista Fernando Berlín, «podería permitir que, no futuro, calquera páxina crítica co Goberno poida percharse só por conter unha ligazón a YouTube». Consideran que as medidas anti-piratería deberían estar reguladas por unha lei orgánica, e non a través dunha disposición adicional dunha Lei que non nada que ver cos dereitos de autor nin coa Internet.
Durante as últimas horas centos de páxinas web están a publicar un texto de adhesión á nova plataforma coma acontecera co manifesto publicado en decembro, criticando entre outras cousas que o borrador da Lei de Economía Sustentable sitúe á propiedade intelectual por diante de dereitos fundamentais e o texto tamén sería totalmente innecesario, pois actualmente existen medidas para protexer os dereitos de autor na Internet pola vía xudicial.
Aínda que nos últimos días falábase de que o peche de páxinas web contaría con supervisión xudicial, unha análise profunda do texto lexislativo dá a entender que «o xuíz terá un papel accesorio e subordinado» segundo comentou o experto David Bravo, pois será a Comisión a que decide o peche dunha web, mentres que o xuíz só analizaría se tal decisión afectaría ao dereito fundamental do titular da web, sen entrar en analizar se o peche é merecido ou non, o que resulta especialmente preocupante se temos en conta que nos últimos meses numerosas decisións xudiciais determinaban que as páxinas con ligazóns P2P non cometían ningún delito. Amais, a redacción da Lei tamén permitiría a súa aplicación a páxinas sen ánimo de lucro.
De todos os xeitos, hai que lembrar que aínda faltan bastantes pasos para a aprobación da Lei de Economía Sustentable, polo que é posible que as esixencias da nova plataforma sexan atendidas, e a propiedade intelectual non goce dunha protección especial inxustificada.
Crean unha plataforma en oposición á futura lei contra as páxinas web de descargas
Compartir Este Artigo
