O microblogging continúa a captar adeptos, e o último en caer nas garras de Twitter non foi outro que o propio Bill Gates, que leva unhas horas tuiteando, aínda que lonxe de falar de temas relativos a Microsoft e a informática, centra as súas entradas en falar da Fundación Bill & Melinda Gates e da catástrofe de Haití.
Para quen dubide da identidade do responsable desta conta de Twitter hai que advertir que estamos ante unha conta verificada, ou sexa, que é totalmente oficial (o que non implica que sexa Gates en persoa quen escriba todas as entradas, pero garante que non estamos ante un suplantador que poida utilizar este espazo para o seu proveito).
O número de seguidores de Gates en Twitter está a medrar a bo ritmo, e non sería sorprendente que chegase a sumar centos de milleiros en poucos días, aínda que boa parte dos mesmos veranse decepcionados ao constatar que o fundador de Microsoft xa non está involucrado en temas tecnolóxicos e corporativos coma no pasado, polo que as súas inquedanzas non se corresponden coas expectativas que tería moita xente.
Segundo parece, nas últimas horas Gates tamén comezaría a facer uso dunha páxina en Facebook que tería os mesmos obxectivos que a súa conta en Twitter.
Bill Gates estréase en Twitter
Compartir Este Artigo
