Dende Google están contentos de presentar a nova versión de Google Earth para o sistema operativo Android 2.1, de xeito que grazas á potencia de terminais coma o Nexus One (que conta cun procesador a 1 GHz e ten capacidades gráficas avanzadas en 3D) esta aplicación pode correr á perfección nun dispositivo móbil, representando non só mapas aéreos, senón tamén terreos proxectados en 3D, estradas e outras capas, que tamén gañan moito grazas á resolución de pantalla do móbil promovido por Google (que presenta unha imaxe de 480 x 800 píxeles).
A nova versión móbil de Google Earth presenta así unhas prestacións moi semellantes á versión de escritorio, coma o feito de presentar unha capa con estradas, o que resulta moi popular á hora de facer o seguimento dun traxecto; e incluso foron máis aló e integraron na aplicación recoñecemento de voz, de xeito que poden realizarse buscas orais que leven a localizacións no mapa aproveitando a potencia de Google Local Search.
Coma noutras versión de Google Earth, tamén é posible ver fotografías, lugares e negocios locais asociados a posicións do globo terráqueo. Está xa dispoñible no Android Market, aínda que só é compatible coa versión 2.1 de Android, de xeito que practicamente queda limitada ao Nexus One, tendo que agardar unhas semanas para ver as actualizacións de Android para outros potentes terminais actuais e para a chegada ao mercado de novos modelos que inclúan a nova versión do sistema operativo de serie.
Google Earth estrea versión para Android 2.1
Compartir Este Artigo

