Dende o blog oficial da cadea de tendas de telefonía The Phone House confirman que en abril chegará o HTC Desire, terminal moi semellante ao Nexus One de Google en prestacións (é do mesmo fabricante) pero con algunhas diferenzas (carece de micrófono para a cancelación de ruído, pero goza de máis memoria para poder utilizar a interface de usuario HTC Sense e substitúe o seu trackball físico por outro óptico), non só a través de Vodafone coma tiñan anunciado, senón tamén con Orange, de xeito que melloran as súas posibilidades de éxito en España, ampliando o número de clientes potenciais dun dos móbiles con Android 2.1 máis potentes do mercado.
Todo apunta a que o HTC Desire superará por moito en vendas ao Nexus One, non só por ser distribuído por máis compañías, senón por estar dispoñible a través das canles de distribución tradicionais, mentres que o Nexus One, pese a contar co apoio de Vodafone a través da súa subvención, só poderá adquirirse a través da páxina web de Google, limitando a súa dispoñibilidade e dando a impresión de que Google non quere que o seu terminal insignia afecte aos dos seus partners, coma HTC, Motorola ou Sony Ericsson, que teñen móbiles comparables ao Nexus One que prometen ter unhas boas vendas a partires de abril.

Vodafone e Orange venderán o HTC Desire en España
Compartir Este Artigo
