Pese a que a tecnoloxía 3D no ámbito doméstico aínda parece unha cousa do futuro, coma tamén aconteceu coa televisión de alta definición, as plataformas de pagamento están a tomar posicións ante o negocio que podería supor este tipo de innovación, e Digital+ confirma que no outono vai emitir a película Avatar na súa versión estereoscópica (que polo momento só está dispoñible para salas cinematográficas, posto que a edición do filme en DVD e Blu-ray está en 2D).
A película formará parte dos contidos do novo Canal Plus 3D, canle que dará cabida a producións propias en 3D de Sogecable (coma un concerto de Enrique Bunbury gravado hai pouco), máis de 10 partidos do Mundial de Sudáfrica 2010 e incluso corridas de touros, aínda que non será ata 2011 cando a nova canle poida chegar a ofrecer contidos as 24 horas, posto que polo momento non contan con contidos dabondo para encher a súa grella de programación.
Digital+ emitirá Avatar en 3D
Compartir Este Artigo
